Cubertas todas as prazas para a primeira edición da Escola de Pastores de Xinzo

Dende A Limia

Inicia en Xinzo de Limia a Escola de Pastores para impulsar o relevo xeracional no rural

A Consellería do Medio Rural lanzou a primeira edición da Escola de Pastores, unha iniciativa formativa que cubrirá a matrícula e formará a 25 alumnos co obxectivo de dar resposta á demanda de persoas interesadas no sector agrogandeiro e afrontar o reto do relevo xeracional.

A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, deu inicio á escola en Xinzo de Limia. Neste proxecto tamén colaboran a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), a Fundación La Caixa e o Inorde.

A conselleira destacou a importancia do sector ovino e cabrún, que «produce alimentos de calidade, axuda a coidar a paisaxe, contribúe a previr incendios e mantén vivo o noso rural». Salientou tamén que «cando hai xente con gaña de incorporarse ao campo, hai futuro para o rural».

Os 25 alumnos foron seleccionados entre máis de 40 candidaturas e recibirán formación teórica e práctica. O programa inclúe o Curso de Aptitude Empresarial Agraria en gandería extensiva de ovino e caprino (250 horas), impartido por Agacal, que outorga unha titulación oficial habilitante. Esta cualificación permitirá aos alumnos traballar por conta allea, desenvolver a súa propia actividade e acceder a axudas de incorporación á actividade agraria.

A docencia desenvolverase de marzo a xullo no Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia. Abordaranse contidos sobre xestión de explotacións, empresa agraria, xestión técnico-económica, asociacionismo, comercialización, trazabilidade, prevención de riscos laborais e sensibilización ambiental.

Ademais, haberá formación específica en agrotecnoloxía, produción de forraxes, alimentación do gando e manexo de gando extensivo. A parte práctica da formación inclúe estancias en gandarías colaboradoras, visitas técnicas e sesións prácticas, grazas á cooperación de Ovica e a Fundación La Caixa.

Ao finalizar o programa, cada alumno deberá elaborar e presentar un proxecto propio de empresa agraria, co apoio dun proceso de titorización.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA