A Deputación de Ourense recibiu hoxe, no Auditorio de Cullera, cinco novas Bandeiras Sendero Azul 2026, outorgadas pola ADEAC. Estes distintivos recoñecen a excelencia ambiental de cinco novos itinerarios na provincia, que se suman á bandeira xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o total de sendeiros galardoados.
Os percorridos premiados atópanse nas contornas termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia. O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, recolleu os galardóns e destacou que este recoñecemento consolida a Ourense como unha provincia referente no aproveitamento sostible dos seus recursos naturais, especialmente o termalismo. Subliñou que estes sendeiros non son só paisaxísticos, senón espazos que conectan natureza, saúde e calidade de vida, promovendo hábitos saudables e poñendo en valor o patrimonio.
Fernández tamén resaltou o carácter innovador da Deputación ao impulsar sendeiros de interior vinculados ao termalismo, unha proposta que rompe coa tradicional asociación dos Senderos Azules a contornas costeiras. A provincia de Ourense demostra así que o interior pode liderar políticas ambientais e de benestar, convertendo os seus recursos en oportunidades para o turismo sostible, o desenvolvemento territorial e o envellecemento activo.
A incorporación destes cinco itinerarios sitúa a Ourense con forza na rede estatal de Senderos Azules, que xa supera os 1.200 quilómetros certificados en 24 provincias. A provincia pasa a ocupar o noveno posto a nivel estatal en número de sendeiros recoñecidos.
Os recoñecementos avalían criterios de excelencia técnica e ambiental, incluíndo o deseño dos percorridos, a seguridade, a sinalización, a conservación do patrimonio e a xestión activa dos valores naturais e culturais, o que reforza o compromiso da Deputación coa sostibilidade e a posta en valor do territorio.
Fonte: www.dendealimia.com
