Comeza en Xinzo de Limia un curso de Auxiliar de Actividades de Almacén.
A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu o inicio dun curso de formación en Auxiliar de Actividades de Almacén, organizado polo Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda, coa colaboración do Concello.
A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar, Ángeles Martínez, estivo presente no acto de arranque. O curso inclúe formación específica en Xestión de Almacén e Xestión de Pedidos (picking-packing), así como capacitación como operarios/as de carretilla elevadora, carretilla retráctil e plataforma elevadora. Tamén se obterá a acreditación en Manipulación e Hixiene Alimentaria, perfís profesionais con alta demanda laboral.
Complementariamente, impartirase un obradoiro de Busca Activa de Emprego. Nesta edición participan persoas de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás.
O Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de vulnerabilidade de 22 concellos da provincia de Ourense, ofrecendo formacións adaptadas ás demandas do mercado.
O servizo ofrece atención semanal presencial en Xinzo de Limia nas dependencias dos Servizos Sociais do Concello.
Estes cursos están cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa FSE + Galicia 2021-2027.
Fonte: www.dendealimia.com
