​A Deputación lanza un novo programa que mestura o sector termal e os restaurantes con Estrela Michelín

Dende A Limia

A Deputación de Ourense lanzou o programa «Termalismo con Estrelas», unha iniciativa que combina o termalismo e a gastronomía de alta cociña para promocionar dous dos principais recursos turísticos da provincia.

Esta proposta innovadora une estancias en balnearios coas experiencias culinarias ofrecidas polos tres restaurantes ourensáns con Estrela Michelín: Miguel González, Nova e Ceibe.

O programa foi presentado polo presidente da Deputación, Luis Menor, xunto cos chefs Miguel González, Daniel Guzmán e Julio Sotomayor (Nova), e Xosé Magallaes (Ceibe). Menor destacou a importancia de fusionar o termalismo coa cociña de excelencia, reafirmando o compromiso da Deputación co sector termal como eixo estratéxico da provincia e a súa aposta pola innovación para posicionar Ourense como un destino turístico sostible e de calidade.

Cada restaurante deseñou un menú específico para o programa, respectando a esencia das súas propostas gastronómicas.

Daniel Guzmán, en representación dos chefs, cualificou a iniciativa como «algo único» e un beneficio mutuo entre a administración e os restaurantes con recoñecemento Michelín.

A presentación tivo lugar na Oficina Termal AVE da Deputación en Ourense, un espazo único en España para a promoción do termalismo na provincia, que xa recibiu preto de 60.000 visitantes no seu primeiro ano de funcionamento.

A primeira edición piloto de «Termalismo con Estrelas» terá lugar do 16 ao 21 de marzo, cunha duración de 6 días e 5 noites en réxime de pensión completa. Inclúe 10 técnicas termais, acceso a piscinas, asesoramento médico voluntario e tres xantares ou ceas nos restaurantes con Estrela Michelín. Participarán un máximo de 40 persoas para garantir unha experiencia personalizada.

As comidas nos restaurantes serán os martes, mércores e xoves. As reservas poderán realizarse a partir das 10:00h do venres. Para máis información, pódese consultar a páxina web termalismoourense.com.

Os menús propostos son:

  • Miguel González: «Auria», centrado en cociña de «lembranzas, sensacións e técnicas» a partir de produtos frescos e de tempada.
  • Ceibe: «Enxebre», baseado en materia prima de proximidade e de tempada, fusionando cultura e tradición galega.
  • Nova: Un menú sen nome específico, que representa unha cociña de raíces con base herdada dos maiores e protagonismo da frescura.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA