Unións Agrarias solicita a convocatoria da Mesa da Pataca ante a situación na que se atopan os produtores

Dende A Limia

A organización agraria Unións Agrarias (UUAA) vén de solicitar á Consellería do Medio Rural a constitución e convocatoria urxente da Mesa da Pataca de Galicia. Esta solicitude responde ás severas dificultades que atravesan os produtores, especialmente na comarca ourensá da Limia, debido ao anegamento das súas zonas de produción.

UUAA propón que este órgano colexiado conte coa participación da Administración, a industria e o sector produtor representado no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia. O obxectivo é analizar a situación actual do sector, propor solucións que aborden esta excepcionalidade e aprobar medidas para paliar a diminución de rendas nas explotacións.

A organización sinala que o sector produtor de pataca enfróntase a unha conxuntura complexa marcada pola baixa de prezos en orixe e o incremento dos custos de produción. Esta situación agrávase coas adversidades meteorolóxicas que manteñen anegada unha parte significativa das terras de cultivo.

Ante cotizacións que nalgunhas ocasións apenas superan os 12 céntimos por quilo, UUAA reclama ás administracións que vixíen o cumprimento da Lei da cadea alimentaria, ante a sospeita de que se estea a forzar os produtores a vender a perdas.

Ademais, a organización aproveita para solicitar á Deputación de Ourense a activación dunha liña de axudas similar á anunciada para o sector da carne, co fin de impulsar o sector da pataca.

É importante destacar a relevancia do sector da pataca en Galicia, que lidera a superficie de cultivo de media estación en España. Representa o 53% do total nacional, cunhas 16.000 hectáreas dedicadas a este tubérculo e unha produción que rolda os 310 millóns de quilos.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA