A Delegación do Goberno activa en Fase de Alerta o Plan Invernal de Estradas no conxunto de Galicia

Dende A Limia

A Delegación do Goberno en Galicia activou a fase de Alerta do Plan Invernal na Rede de Estradas do Estado de toda a comunidade. A decisión prodúcese tras as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que prevé un empeoramento da situación nas próximas horas.

A AEMET emitiu un aviso laranxa por importantes acumulacións de neve nas montañas de Lugo e Ourense, así como no interior da provincia de Pontevedra, válido desde a medianoite de hoxe ata a medianoite de mañá. Noutras zonas de Lugo, Ourense e Pontevedra, o aviso é de nivel amarelo.

Con este escenario, a Delegación do Goberno mobiliza todos os recursos dispoñibles en Galicia para mitigar os efectos do frío e a neve nas estradas. Notificouse aos organismos implicados en vialidade e tráfico do Estado (Demarcación de Estradas, Garda Civil e Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste-Cantábrico), así como a outras administracións. O obxectivo é garantir a fluidez do tráfico e manter as infraestruturas de competencia estatal en condicións de uso.

Os medios do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible dispoñen de máis de 450 profesionais, 103 máquinas quitaneves, 20.000 toneladas de sal e máis de 3.257.000 litros de salmoira en Galicia.

Recomendacións para a poboación:

  • Informarse previamente do estado das estradas e da meteoroloxía.
  • Evitar viaxes en coche se non son necesarios, optando polo transporte público.
  • Se o uso do vehículo é imprescindible, revisar pneumáticos, anticongelante e freos. Encher o depósito, levar cadeas e elementos de abrigo.
  • Levar un teléfono móbil con dispositivo de carga.
  • Ter especial coidado coas placas de xeo, especialmente en zonas de sombra.
  • Se queda atrapado pola neve, permanecer dentro do coche. Mante-lo motor aceso e a calefacción, renovando o aire periodicamente. Evitar durmir.
  • Nos vehículos de combustión, asegurar que a saída do tubo de escape estea libre de neve para evitar a entrada de fume.
  • Sintonizar emisoras de radio para obter información oficial e prediccións meteorolóxicas.
  • Consultar as redes sociais de organismos oficiais e forzas de seguridade se se ten acceso a rede móbil.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA