O Concello de Xinzo de Limia, co apoio da Deputación de Ourense, avanza na posta en marcha da compostaxe comunitaria. Con este fin, convócase aos veciños e veciñas das urbanizacións A Devesa e Río Miño a unha sesión informativa que terá lugar o mércores 28 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura.
O encontro está dirixido especificamente aos residentes destas urbanizacións, xa que contan coas infraestruturas necesarias para o sistema de reciclaxe orgánica. O obxectivo principal da charla é detallar o funcionamento das áreas de compostaxe e facilitar a formalización da participación veciñal.
Ademais dos beneficios ambientais, a adhesión á compostaxe comunitaria será incentivada cun desconto do 30% na taxa do lixo para as familias participantes. A asistencia á sesión é importante para coñecer os procedementos necesarios e poder optar a esta bonificación económica.
Fonte: www.dendealimia.com
