A vila de Xinzo de Limia prepárase para celebrar o 25 aniversario do Esquecemento, unha festa de recreación histórica que terá lugar en agosto. A Asociación Cultural Civitas Limicorum organiza un ano completo de eventos, incluíndo competicións interescolares de xogos romanos, a Asemblea Estatal da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas e o Forum Limicorum Musical. Espérase unha gran afluencia de público, superando os 30.000 asistentes, e búscase o recoñecemento de Interese Turístico Rexional. Ademais, ábrese o prazo para o concurso do cartel da edición de 2025, co obxectivo de involucrar á veciñanza na festa.
Xinzo de Limia celebra o 25 aniversario do Esquecemento
Terminado o Entroido, Xinzo de Limia prepárase para o seu seguinte evento con disfraces, aínda que de recreación histórica, o Esquecemento. Esta festa cumpre 25 anos o próximo agosto e a Asociación Cultural Civitas Limicorum preparou para celebralo un ano repleto de eventos.
No que vai de ano xa puxeron en marcha varios deles, destacando a competición interescolar de xogos romanos na que participan ambos colexios da vila e diferentes centros de Lugo. Os finalistas mediranse nunha gran final o próximo 21 de xuño. Pero segundo comenta Marcos Argibay, presidente de Civitas Limicorum, “as actividades son moitas, moi novidosas e moi variadas” e adianta que “o calendario noso deste ano xa está definido”, anunciando que en maio Xinzo será a sede da Asemblea Estatal da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, na que participan máis de 50 municipios de todo o país. Tamén quixo destacar o Forum Limicorum Musical, un evento que se celebrará tamén o 21 de xuño pola tarde e en colaboración co Conservatorio de Xinzo, “con musica tanto romana como castrexa ademais de bailes e espectáculos en vivo”.
No fin de semana do Esquecemento, o presidente sinala que “seguimos buscando aumentar a calidade, e investirase máis diñeiro en traer concertos totalmente gratuítos e ó aire libre”. Respecto á afluencia, indicou que “prevemos que se bata un récord de participantes”, aínda que este ano haberá un límite de 25 grupos por bando. “Contamos superar por primeira vez as 600 persoas asociadas” dixo e explicou que “con todo o que está previsto estamos convencidos de que se superarán os 30.000 asistentes”, esperando batir as estimacións do ano pasado que rondaron os 20.000. Marcos finalizou dicindo que “moi pronto presentarase de novo o requirimento para a solicitude de Interese Turístico Rexional” para poñer en valor unha “festa xa arraigada”.
Aberto o prazo para o concurso do cartel de 2025
A Asociación Cultural Civitas Limicorum vén de abrir o prazo para a presentación de propostas ao concurso do carte da Festo deo Esquecemento XXV, que deberá representar o espírito da recreación, aunando a divulgación histórical e cultural, así como a participación social e destacando o legado dos pobos límicos e a súa resistencia contra a invasión romana.
“Sacar o cartel a concurso non é máis que seguir facendo do Esquecemento un evento colaborativo que implique a veciñanza e fomente a participación, que é o que queremos, que estas datas de recreación histórica sexan algo de todos” aclarou o presidente. A imaxe gañadora recibirá un premio de 300 euros e o prazo para enviar as propostas terminará o próximo 24 de maio.
Fonte: www.laregion.es