
FOTOGALERÍA | II Encontro galaico-portugués en Xinzo de Limia
Hai vontade política para que se fale portugués en Galicia?
A segunda edición das Xornadas Galaico-Portuguesas, celebradas onte en Xinzo de Limia, concluíu cun debate centrado na situación do portugués no ámbito educativo galego. Os poñentes do sector coincidiron en sinalar unha "falta de vontade política" xeneralizada para impulsar a presenza da lingua veciña nas aulas de Galicia.
Durante a mesa redonda vespertina, ‘O Portugués nas aulas galegas’, que contou coa participación de representantes da Asociación de profesoras e profesores de Lingua Portuguesa, Anxo Fernández, Irene Veiga, Carlos Salgado e Rochi Nóvoa, púxose de manifesto o contraste entre o número de estudantes de portugués en Galicia, -que actualmente se sitúa en 4.530-, e o doutras comunidades autónomas como Estremadura, onde superan os 10.000.
Tamén se valoraron avances significativos. Rochi Nóvoa, organizadora do evento, subliñou que “un dos motivos de ter escollido Xinzo de Limia para celebrar estas xornadas é a vinculación que hai con Portugal e o esforzo da comunidade educativa por fomentalo", con proxectos como o 'Abraço ao Río Lima' que se celebra cada ano cun abrazo simbólico de estudantes de Xinzo e da cidade fronteiriza de Ponte de Lima.
“De iniciativas como esta e do esforzo das institucións educativas de ambos lados da fronteira, saen os froitos de que haxa profesorado portugués nos IES de Xinzo de Limia e que o alumnado poida escoller o portugués como lingua”, engadiou Nóvoa.
Destacouse ademais a recente declaración da Xunta de Galicia recoñecendo o vínculo co portugués como unha ferramenta para a normalización do galego. Así mesmo, celebrouse a creación en 2024 do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, constituído o pasado outubro co obxectivo de fortalecer as relacións sociais, culturais e económicas cos países de fala portuguesa, aproveitando a proximidade lingüística.
A xornada comezou cunha mesa redonda matinal titulada 'Galicia - Portugal. A problemática dos medios tradicionais e novos medios alternativos', coa participación de Germán Estévez (Galipodus Podcast) e Luís Loureiro (Universidade do Minho).
O público asistente gozou ao mediodía dun concerto a cargo de Terra Morena e Cana Verde, que interpretaron temas do icónico Zeca Afonso e outras pezas musicais evocadoras como a poesía de Álvaro Cunqueiro.
A xornada concluíu cunha Mostra de cestería de Obrairo en Situ, a cargo de Manuel Gonzaga, cesteiro do Porto residente en Chaves.
