Cantar dos Reis en Sandiás
Nestes días tan especiais, cantamos os Reis! Fomos a Piñeira de Arcos, parroquia de Sandiás, acompañados de veciños e veciñas, e tamén de nenos e nenas do CEIP de Sandiás. Percorremos o pobo, de porta en porta, co noso lema: “Cantámoslle os Reis do Quiquiriquí, se non nos dan nada marchamos de eiquí”.
Interpretamos as nosas cancións tradicionais: «Nadal de Laroá», «Aí veñen os Reis», «O Patronciño»… pezas da nosa zona que procuramos manter vivas. E, para rematar a xornada, compartimos e repartimos os aguinaldos! Cheos de agasallos, despedímonos ata o ano que vén: “Déanolo aguinaldo a xentiña desta casa que para o ano que vén xa lles darémo-las grazas”.
Ata o ano que vén!
Ademais, durante as festas de Nadal, tamén levamos a nosa música á Túa Outra Casa, a vivenda comunitaria do CDR O Viso en Lodoselo. Andrés, Miriam e Iván animaron a tarde/noite coa súa música, facendo gozar aos residentes. Moitas grazas!
Esta é unha tradición moi arraigada no Nadal limiao: grupos de mozas, mozos, nenas e nenos percorrendo as aldeas e parroquias cantando estas pezas da literatura popular, transmitidas oralmente de xeración en xeración. A cambio do seu cantar, pedíanse aguinaldos, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, etc.), que despois compartían todos xuntos.
No CDR O Viso levamos anos recuperando e mantendo esta fermosa tradición comunitaria, e o Concello de Sandiás convídanos ano tras ano a participar. Moitas grazas!
Este ano, incluso a Televisión de Galicia acompañounos durante un rato!
Esta actividade está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (subvención para programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF) e pola Deputación Provincial de Ourense (subvención para proxectos de prestación de servizos sociais).
Fonte: www.dendealimia.com