Visita das Raíñas Magas a Sarreaus
Un ano máis, as Raíñas Magas da Escola Rural de Saúde da Limia visitaron Sarreaus. No Tele-club, compartiron unha tarde con veciños e veciñas, especialmente con nenos e nenas e persoas maiores, transmitindo mensaxes de paz, amor e ilusión. Ademais, destacaron a importancia do traballo, a experiencia e a forza, valores fundamentais na súa labor para construír un mundo máis xusto e igualitario, onde non nos diferencie a raza, a ideoloxía, a idade ou o sexo.
As mulleres sempre estiveron presentes, e o 5 de xaneiro, máis que nunca, esta data serviu para visibilizar o traballo diario de tantas mulleres de todas as idades que se esforzan por garantir unha vida digna e en boas condicións de benestar para todas e todos. Porque todas e todos somos necesarios para fortalecer o tecido social comunitario que sustenta o noso rural.
Aos nenos e ás nenas, as Raíñas Magas animáronos a construír os seus recordos aproveitando a sabedoría e a experiencia dos seus avós. Por enriba de todo, incidiron na importancia de compartir, lembrando que todo chega e todo pasa, e que o que permanece son os momentos de felicidade vividos xuntos. O rural, concluíron, é o mellor lugar para envellecer e gozar dunha vida plena.
Esta actividade contou coa colaboración do Concello de Sarreaus e o apoio da Deputación de Ourense.
Fonte: www.dendealimia.com