Anuario da Gaita, “referente internacional”

Dende A Limia

Presentación do 38º Anuario da Gaita

A Deputación de Ourense acolleu a presentación da 38ª edición do Anuario da Gaita. Esta publicación anual, que se edita desde 1986, reflicte o traballo da Escola Provincial de Gaitas e consolida a gaita como emblema da cultura galega.

O volume, publicado a finais de ano, recompila a actividade do ano 2023 e inclúe artigos de investigación sobre a gaita e a música tradicional. Na presentación participaron o asesor de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, os investigadores Óscar Ibáñez e Juan Carlos López, e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

Marcos Vázquez destacou a evolución do Anuario, pasando dunha publicación modesta a un referente internacional na investigación científica sobre a gaita. Ibáñez e López resaltaron o rigor científico dos traballos, que converten ao anuario nun referente tanto a nivel galego como internacional, achegandose tamén ás novas xeracións.

Xosé Lois Foxo sinalou que o Anuario recolle traballos dos mellores especialistas europeos, proxectando unha imaxe única de Ourense e impulsando o traballo pola cultura galega.

O Anuario ten alcance internacional, chegando a bibliotecas e investigadores de todo o mundo. Documenta diversas actividades, incluíndo as do Museo Internacional de Cornamusas, a Real Banda de Gaitas, festivais e homenaxes a figuras destacadas da música tradicional.

Contido do Anuario

Esta edición inclúe traballos sobre a gaita belga (Pol Ranson), os sons da rúa en Arxentina e Uruguai (Norberto Pablo Cirio), e a «säckpipa» sueca (Anna Rynefors). Ademais, inclúe unha selección de fotografías antigas, a cobertura de eventos como o Celtibérico de Bandas de Gaitas e o Serán da Seitura, e o concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas.

Tamén se lembran figuras relevantes da música tradicional como o profesor Domingo Neira, o mestre percusionista Allan Chatto, e as cantoras Paclín Clotilde Salgado e Dorinda Pérez.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA