Hoxe volvín á miña terra da Limia para unha celebración. Ao amigo Miro Cerredelo entregábaselle o premio Pedra Alta 2024 en base aos seus longos merecementos dos que xa teño falado noutros artigos e son ben coñecidos pola maioría das persoas de Xinzo e da contorna. Non vou repetilos aquí, mais si que me atrevo a asegurar que traspasan tamén as fronteiras da bisbarra limiá.
Saín de Vigo con tempo abondo para unha viaxe tranquila. Porén, na estrada sempre xorden imprevistos que finalmente mudan en retrasos. Aínda así, tiven tempo de camiño de parar nun bar de Sandiás a tomar un café. A señora que me atendeu preguntoume se quería biscoito. Eu, que son un chisco lambón, non rexeito nunca un ofrecemento así. A recompensa foi un cacho de lambetada de chocolate con améndoas, tan bo que rexeitalo sería un pecado de obrigada confesión. Collín a estrada de Sandiás a Vilar de Santos e cheguei a tempo de aparcar, achegarme ao lugar da entrega do premio e saudar e compartir apertas co homenaxeado e coa multitude de amigos presentes.
Xa no salón de actos, ateigado de público, escoitamos os parlamentos das autoridades, a marabillosa actuación musical de varios rapaces e rapazas do conservatorio de Xinzo, ata chegar á laudatio que de Miro fixo o noso común amigo Manolo Seoane. Este, tal coma unha paciente formiga, foi degrañando a experiencia vital do home, do pai, da persoa, do amigo, do traballador, do historiador, que, sentado a carón da súa dona, seguía atentamente o discurso ao que minutos despois debería dar réplica. Cousa que aconteceu, pouco despois dunha manda de aplausos a aquela louvanza que tamén deixou á vista aspectos e curiosidades da vida de Miro.
A resposta deste viu na súa faceta de historiador, cunha exposición sobre a vida e as fuxidas do guerrilleiro Xoán Sorga, que figura no seu libro Historia e memoria: A Limia 1931-1953. Eu, coido que tamén todo o público presente no acto, fiquei abraiado cando Miro contou que un neto do fuxido se puxera en contacto con el, para recoller información e facer un documental sobre o seu avó, que viviu baixo outra identidade e do que coñeceu algo da súa historia pola súa avoa após a morte de aquel. Outra manchea de aplausos veu rematar a intervención de Miro e deu paso ao remate do acto coas palabras de Delfín Caseiro.

Non hai mellor maneira de rematar estas cousas que cun bo xantar. No restaurante Novaiño agardaba por nós un marabilloso cocido polo que ben cómpre felicitar á cociñeira. Tocoume compartir mesa con Xabier Casares e a súa dona Stella Estrada, con Luís Veloso, Luís Álvarez Pousa e José Carvalho. O bo destas cousas non é o xantar en si, senón esa conversa demorada que agroma e medra durante o mesmo, conversa na que caben todos os temas. Na sobremesa, o amigo e poeta Manuel López leu un poema da súa autoría en homenaxe a Miro que colleitou outra manchea de aplausos. Como remate dunha celebración, nunca veñen mal unhas lambetadas gorentosas coma as filloas con mel e as canas de crema. Fixemos tamén unhas fotografías co homenaxeado, ao que intentamos comprometer coa idea de que ten que tirar do prelo novos libros e seguir indagando na historia da nosa vila. Cos cafés, e ata o intre das despedidas, a conversa seguiu por barrios inda que, neste caso, vai mellor dicir por mesas.
Rafael Laso Lorenzo

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA