O día 1º de abril de 1939, Franco escribiu do seu puño e letra o último parte da contenda civil:. Non era certo. A guerra non rematara, Franco tiña razón en canto ás grandes operacións militares, aínda así tiveron lugar accións do exército contra as guerrillas republicanas ata finais dos anos corenta, e posteriormente á guerrilla en diversos lugares de España e na provincia de Ourense ata polo menos o ano 1952. O que se viu en abril de 1939 non foi o comezo da paz e a reconciliación, senón o anuncio da institucionalización da vinganza a gran escala contra a esquerda e os republicanos derrotados, fíxose unha depuración detallada e concienzuda de toda persoa cómplice, a xuízo dos vencedores, de ter colaborado, ter sido republicano ou ser “desafecto” a “Nova España”. Mantíñase aberta a ferida sangrante da guerra; na linguaxe oficial só existían “vencedores” e “derrotados”, “nacionais” e os “roxos”, os “patriotas” e os “traidores” e paradoxalmente “rebeldes”. A través da prensa e a radio do movemento, do sistema educativo e das igrexas (a guerra fora declarada polo clero franquista unha “Cruzada”), propagouse unha única interpretación da República, e do “Glorioso Alzamento Nacional Salvador de España”[1].
O día 4 de abril o xornal La Región publica un “entenrecedor” e «adulador» artigo de culto a personalidade do Dictador: “El último parte oficial de guerra. Lo ha escrito el mismo Generalísimo. Burgos: La hora histórica que para España ha significado el momento inolvidable de la lectura por Radio Nacional del parte Oficial de Guerra se vivió en medio de una intensa emoción (…) Su Excelencia amante del hogar (…) hacia su acostumbrada comida frugal y austera dentro del marco familiar, acompañado de su esposa doña Carmen Polo, de su hija Carmencita y del ministro de la Gobernación, Serrano Suñer, cuando el clarín anunció la lectura del último Parte de Guerra. Se suspendió la comida en medio de gran emoción. Todos escucharon la voz del locutor (…) y cuando terminó, en los presentes hablaba más la expresión de los ojos, que cuanto pudieran decir sus bocas. Los solemnes acordes del Himno Nacional enmarcaron la escena mientras en todos los hogares españoles eran seguidos de cálidos vivas al Caudillo y al Ejército Liberador”[2].
Celebráronse multitude de festas en todos os concellos, pero só temos constancia da celebrada no Concello de Sarreaus. Celebrouse xa o día 30, unha manifestación grandiosa e entusiasta do pobo, polo feliz remate da guerra co triunfo do invicto Exército Nacional. Ás doce da mañá os mestres das escolas, despois de explicarlles ós alumnos o significado da conquista de Madrid e varias leccións da nosa gloriosa historia, saíron acompañados dos nenos, que deron grande realce á manifestación, levando as bandeiras das súas respectivas escolas e cantando varios himnos do Movemento, gustando moito o canto patriótico “Niños de España”, con letra de J. Prado Lameiro e música de Daniel González, Inspector provisional de 1ª Ensinanza de Ourense, e baixo a dirección do notable violinista e mestre nacional da localidade, Antonio Tizón, fixeron os alumnos gala de excelente afinación e bo gusto. Os berros patrióticos dos veciños dando vivas a Franco e España, atronaban o espazo incesantemente, unido todo isto ao penetrante son das campás da igrexa, que fixeron pasar momentos de grande emoción, quedando gravados en todos os corazóns. Como broche, o citado mestre señor Tizón, dirixiu a palabra ao público cantando vellos parágrafos das xestas da Raza e a gloriosa resurrección do pobo español que patentiza a forza da fe, desbordando a súa emoción e alegría que nestes momentos sentía, sendo felicitado con entusiasmo. A continuación, cantouse unha Salve popular na igrexa da Nosa Señora do Rosario, en acción de grazas pola protección dispensada ao Exército que, baixo as ordes do Caudillo, puxo fin vitoriosamente á guerra de España[3].(Do meu libro: Historia e memoria. A LIMIA 1931-1953).
[1]Inda nos primeiros anos da transición á democracia, se facía estudar aos parvuliños nos colexios o libro “EL PARVULITO”: “El Alzamiento Nacional”. Hace varios años España estaba mal gobernada: todos los días había tiros por las calles y se quemaban las iglesias. Para acabar con todo esto el general Franco se sublevó con el ejército y después de tres años de guerra logró vencer a los enemigos de nuestra patria. Los españoles nombraron a Franco Jefe o Caudillo y desde el año 1936 gobierna España”. “Franco y José Antonio”. El excelentísimo Sr. Dn. Francisco Franco Bahamonde fue General a los 33 años y por su patriotismo e inteligencia es ahora el Jefe del Estado Español. José Antonio Primo de Rivera fue un gran patriota que fundó la Falange. Por defender a España, sus enemigos le fusilaron en la cárcel de Alicante”. Álvarez Pérez, A. p. 118 e 124.
[2] La Región: 04.04.39.
[3] La Región: 14.04.39.