O Plan Básico Municipal de Porqueira, ideado por José González-Cebrián, recibiu un dos Premios de Arquitectura do COAG na categoría de Planificación Urbana. Este recoñecemento destaca a súa utilidade e adaptación á realidade local, buscando un desenvolvemento sostible e equilibrado do municipio. A alcaldesa, Susana Vázquez, resaltou a importancia deste premio como reflexo dunha planificación responsable. O plan está pendente do informe da Confederación Hidrográfica para a súa aprobación definitiva.
Porqueira volve estar no mapa da innovación urbanística
Porqueira volve estar no mapa da innovación urbanística tras ser galardoado o seu Plan Básico Municipal cun dos Premios de Arquitectura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), nunha gala celebrada o pasado sábado no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.
O recoñecemento produciuse na categoría de Planificación Urbana, un ámbito que recoñece os proxectos máis destacados en ordenación territorial e desenvolvemento sostible. O plan foi elaborado polo arquitecto José González-Cebrián, e representa unha ferramenta sinxela, útil e adaptada á realidade local, pensada para mellorar a xestión do solo municipal e favorecer un crecemento coherente e equilibrado.
Plan Básico Municipal por José González-Cebrián Tello.
Na gala, que reuniu a máis de 700 profesionais do mundo da arquitectura e o urbanismo, estivo presente a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, quen puxo en valor este recoñecemento como unha mostra do «traballo ben feito e da planificación responsable» que se está a impulsar desde o concello.
A proposta, que conta cunha aprobación inicial dende setembro de 2021, está á espera dun informe da Confederación Hidrográfica para poder avanzar cara á súa aprobación definitiva.
Porqueira compartiu espazo nesta cita con outros proxectos destacados non só de Galicia —como os de Carnota, Santiago ou Gondomar—, senón tamén internacionais, con representacións de lugares coma Xenebra ou Perú.
Fonte: www.diariodolimia.gal