Transporte de viaxeiros desde Xinzo a Ourense e Verín (s. XX e XXI).

Blogs

Galicia comezou a encherse a finais do século XIX de pequenos negocios de transporte de persoas e mercadorías por estrada que unían poboacións veciñas entre si para responder as carencias do ferrocarril. Eran as chamadas popularmente carrilanas, que trasladaban viaxeiros en carruaxes.
Sobre os medios de transporte de finais do século XIX e principios do XX, escribe X. Dasairas que «as galeras para o transporte eran similares ás que se utilizaban no Oeste americano: grandes carros de catro rodas, bastante anchos, cubertos de lona e turrados de dúas parellas de bois que podían subir a nove en caso de ter que ultra pasar elevados portos con moita carga e viaxeiros. O reforzo de bois facíase alugándollos en cada etapa aso labregos que os acompañaban a pé aguillándoos e dirixindo o seu paso […] Nos paradores e mesóns do camiño facíanse as comidas e as pernoctas, aproveitando este tempo para descanso ou troco de tiros. Para viaxar individualmente adoitábase usar cabalos, mulas ou burros, estes últimos coa carga ou equipaxe.
As sillas-correo ou de posta, máis rápidas e lixeiras, adoitaban levar tamén por veces dous ou tres viaxeiros segundo o espazo que permitise o correo. A liteira levada por cabalerías, unha diante e outra atrás permitía o paso polos angostos portos de montaña e mesmo polos chamados camiños de ferradura, podendo transportar nalgúns casos ata catro viaxeiros con escasa equipaxe. As viaxes nestas datas adoitaban ser moi perigosas expoñéndose os viaxeiros á pillaxe dos numerosos atracadores que pululaban polos montes e mesóns do camiño»[1].
A dilixencia era unha carruaxe de camiño arrastrado por cabalos, de catro rodas, que facía un servizo regular entre dúas poboacións do seu roteiro con itinerario fixo, transportando viaxeiros e correo. O seu espazo podía dividirse en tres departamentos: Berlina na parte anterior, con asento transversal para tres prazas. Vai detrás do  pescante e por baixo del pois este atópase elevado sobre o teito da caixa. Interior, colocado detrás da berlina e no centro da carruaxe como o seu nome indica. Ten dous asentos transversais e é por tanto dobre que a berlina e dúas portas. Rotonda que ocupa a parte posterior da carruaxe con dous asentos laterais para tres ou catro prazas cada un. Ten porta traseira central entre os asentos e  estribos en todas as portas. A cuberta ten unha varanda para conter as equipaxes e fardos e na que se fixa a  baca: inmensa pel formada de coiro cosido e claveteado con aneis nas beiras para suxeitala con cordas á varanda[2].
No Anuario Bailly Baillière dos ano 1901 e 1903, figura un servicio de carruaxes ou dilixencias con saídas diarias desde Xinzo a Ourense ás 5 de madrugada e ás 12 da mañá co prezo de 4,80 pesetas o asento. A Verín con saída desde Xinzo ás 6 da madrugada e ás 12 da mañá, co prezo de 4,80 pesetas asento. 
Podemos coñecer como era o viaxe en dilixencia pola descrición do viaxe dun portugués desde Ourense por Allariz, Xinzo e ata Verín: “Saímos de Ourense para Allariz ás 8 horas da noite do día 15 de xuño do ano 1905, cuarta feira, na dilixencia que vai por Ginzo de Limia para Verín. Na dilixencia catro curas, un coxo, eu, unha pequeniña que un cura guía ata Ginzo, e que de lá vai soa para Verín (5 anos); chegamos ata unha aldea onde descansamos e mudamos de cavalos (6 cavalos e tres de fondo, na dilixencia)… (fan noite en Allariz) […] Ás 10 h da mañá sigo na dilixencia para Ginzo e dende alí para Verín. De Allariz a estrada é larga e corta o val, dereita á cadea de montes que a cinguen polo fondo, carros cargados, de toldo, catro ou cinco bestas, a un de fondo, moitos carros cargados. Danse os bos días. Todos os carreteiros de boina, manta e cara afeitada. O cocheiro na subida baixase para excitar os cavalos que van lentos, de cabezas baixas. Aumenta o frío.
Toda a estrada vai en zigzagueando na serra. As estradas son espléndidas, ben mantidas e que caras deben de ter sido a súa construción. Os cocheiros excitan os cavalos berrando: Yo! Yo! ou Ya! Ya! ¡Arriba la montaña! Batendo co cabo do chicote na táboa dos pes. Comezamos por fin a descender. Diante de nós, ala abaixo, un inmenso val, de grandes arboredos. Campos labrados. Gando magro pastando. Moi lonxe, a esquerda da estrada, alá en baixo, unha inmensa torre quebrada nun outeiro (Torre do Castro) –e máis adiante outra- moi lonxe (Torre de Pena). Vamos sempre descendendo. Carballeiras magníficas, castiñeiros nos campos, cereixos e maceiras, árbores aos lados da estrada. Campos de patacas. Campo chato aos dous lados. É a lagoa de Antela, que atravesamos por unha ponte, toda rasa, con xuncos e pozas de auga, con una ribeira ao centro, toda asoreada e cuberta de herbas. É unha basta extensión maldita, sen árbores, sen herbas altas, sen arbustos, en cuxos bordes acaba a vexetación. Pasta algún gando, pouco. O terreo da lagoa é descomunal, lévanos cerca de 40 minutos atravesala. O frío aquí é horroroso, o vento agudo e xélido, chuvisca moi fría. Nos invernos con choiva o terreo da lagoa dá herba espléndida para o gando. Este ano todo está seco. Aldeáns con gando negro, e a pallota ao ombro. Comezan as árbores na estrada, que non había na lagoa, senón algunha árbore illada, moreiras, chopos, freixos.
E a estrada entra en Ginzo de Limia. Grandes pataqueiras, centeo. Magnifica entrada de estrada chea de árbores, larga, facendo unha bonita alameda. Unha outra estrada converxe á nosa oblicuamente (estrada de Celanova). Nela carros chiando, gando, cavalos soltos e poldros da Galiza. Xantar, media hora de espera. Saímos cun cocheiro novo, que ten 16 anos e é lindo: louro, de cariña redonda, damos volta por unha rúa de árbores soberbias, onde se están facendo moitas casas novas. O vale extenso e largo continúa; a estrada é plana e con árbores magníficas. Un regato corre a nosa dereita. O cocheiro canta cántigas onde entra “la Virgen del Pilar hermosa”, e é delicioso. Perde un saco, e desengancha un cavalo, móntao a pelo, e volve a ver se o atopa. Xa en Verín recorda e comenta. Falando de Ginzo non esquezo mencionar a gran beleza da alameda da saída para Verín, na larga rúa. Son árbores inmensas, aliñadas, de troncos dereitos, de gran follaxe, plátanos e moreiras verdes, que entra polas fiestras das casa desa rúa moi regular, ampla e mexida.[3]
Por un anuncio publicitario sabemos que en agosto do ano 1913, existía a Empresa Hispano Antelana, que realizaba o traxecto de Ourense a Xinzo. Ante as peticións de amigos e veciños de Verín, deciden prolongar o traxecto hasta esa vila, “contando para ello con magníficos coches que reúnen todas las condiciones de confort y seguridad que los más exigentes pudieran desear y con personal apto y competente”. O servizo saía de Ourense ás 15,30 da tarde e desde Verín ás 6,00 da mañá, ao prezo do asento de 10 pesetas de Ourense a Verín e viceversa. Para os demais puntos do percorrido rexerían os mesmos prezos anteriormente establecidos. Para tranquilidade dos viaxeiros avisaban que en cada viaxe reservarían un determinado número de asentos para os viaxeiros das vilas de Allariz e Xinzo. Os administradores eran en Ourense, Adolfo Vide, Luis Espada,5, depósito de bicicletas; en Allariz Benito Dapena, na estrada xeral e en Xinzo era Sergio Pérez Mangana[4], reloxería.

Foto posiblemente do muro de Vía XIV.

No ano 1913 a empresa “Automóviles de Verin”, realiza o transporte de viaxeiros entre Ourense e Verín, o traxecto completo custaba 10 pesetas e o quilómetro para traxectos intermedios saía a 15 céntimos. Os autos contaban ademais cun revisor que se encargaba do cobro e acomodación dos vultos e os pasaxeiros. Cara o mes de marzo a empresa “Hermanos Mangana” de Xinzo anuncia o comezo dun novo servicio a Verín por Laza a cargo de dous Hispano-Suíza encargados en Barcelona que contaban coa novidade de levar calefacción e alumeado eléctrico.

1909. Propiedad de García-Barbón. Foto do muro de Bruno Tamagani.

A Empresa do Correo pon en servizo un segundo automóbil, co que serán dous os coches que enlazan Ourense, Allariz, Xinzo e Verín, que saian de Ourense ás 7,00 e as 15,00 horas. Os autos da Empresa Mangana a Verín por Laza, lucían o rótulo de Empresa Hispano-Verinense. O billete de Ourense a Verín tiña o prezo de 8 pesetas. Agora cos automóbiles modernos xa só se tardaba desde Ourense catro horas a Verín, cando anos atrás o percorrido total levaba unhas once horas.[5]
Nunha data indeterminada (posiblemente en 1915), segundo un anuncio sen datar, a empresa “Ómnibus Automóviles de Verín”, anuncia: “Esta empresa, que tan buenos servicios viene prestando, tiene establecido los precios siguientes:
-De Orense a Allariz, en berlina, 3,60 pesetas; en plataforma 2,90 y en interior 2,65.
-De Orense a Ginzo, en berlina 6,80 pesetas; en plataforma 5,50 pesetas y en interior, 5 pesetas.
-De Ourense a Verín, en berlina, 12,25 pesetas; en plataforma, 10 pesetas y en interior, 9 pesetas.
Desde el 1º de Octubre prestan servicio alternando, saliendo de Verín para Orense, los días impares, a las ocho de la mañana, y de Orense para Verín, los días pares, a las 12 de la mañana”.
No ano 1915, en canto ao servizo de transporte de viaxeiros desde Xinzo, xa se pode facer en automóbil ou en carruaxe, cos seguintes horarios e tarifas a Ourense e a Verín:

 
 
 
 
 

Automóbil
8,30 horas
6,80 pta.
1ª cat.
Ourense. Diario

Automóbil
8,30 horas
5,00 pta.
2ª cat.
Ourense. Diario

Automóbil
9,00 horas
5,45 pta.
1ª cat.
Verín. Diario

Automóbil
9,00 horas
4,50 pta.
2ª cat.
Verín. Diario

Carruaxes
5,00 horas
4,80 pta.
asento
Ourense. Diario

Carruaxes
12,00 horas
4,80 pta.
asento
Ourense. Diario

Carruaxes
15,00 horas
4,80 pta.
asento
Ourense. Diario

Carruaxes
11,00 horas
4,80 pta.
asento
Verín. Diario

Parada en Piñeira de Arcos. Autobuses Ourense-Xinzo-Verin. Foto creo que propiedade de Luis Otero.

O ano 1918, xa non circulan os carruaxes ou dilixencias e son dúas as empresas de automóbiles que realizan os servizos desde Xinzo a Ourense e Verín. A Empresa del Correo, que efectuaba os traxectos a Ourense e Verín, cun servicio diario ao prezo 2 pesetas asento. O administrador en Xinzo era Francisco Ledo, en cuxo café debía estar a parada. A outra empresa era “La Popular”, que realizaba os traxectos a Ourense e Verín, cun servizo diario ao prezo 3 pesetas asento.

En 1922, realizaban o transporte de viaxeiros dúas empresas: Empresa Mangana, da que non figuran datos no anuario e da que era administrador en Xinzo, Sergio Pérez. A outra empresa, da que non se facilita o nome, pode ser La Popular, con servizo a Ourense e Verín co prezo de 10 pesetas asento, o administrador era Francisco Ledo, en cuxo café seguramente era a parada e administración. O ano 1925, figuran as mesmas empresas e administradores, non se facilitan tampouco horarios e prezos.
Domingo Bobillo Romero era un comerciante da Pereira que morreu en 1912, a súa dona era Consuelo Fernández que faleceu en 1925. A familia Bobillo Fernández era a propietaria da Empresa Bobillo, con servizo de autobúses Ourense-Xinzo-Verín. Cando morre Consuelo queda de administrador da empresa un dos oito fillos, Jose Bobillo Fernández, que casou cunha moza de Xinzo, Marina Ledo Dacal. En xuño do ano 1926 a Empresa Xesteira, retando á Empresa del Correo e á Empresa Bobillo, abre un novo servizo que sae de Ourense despois da chegada do Rápido de Madrid e Correo de Vigo, chegando a Verín a hora de comer.[6]
0 2 de agosto do ano 1922, un incendio nuns bidóns de gasolina, provocaron grandes danos no garaxe da empresa Bobillo e Compañía en Verín., estendéndose posteriormente aos edificios inmediatos propiedade de García Borbón onde estaban instalados os talleres do semanario El Eco de Monterrey, unha barbería da viuda de Vázquez e o bar de Feliciano Sola, que tamén sufriron grandes perdas, resultando ademais ferido con graves queimaduras un neno de 12 anos. (La Región, 13 de agosto de 1922).
Nun folleto publicitario da Empresa Bobillo, dunha data indeterminada, pero que foi impreso na imprenta do xornal La Zarpa, que funcionou desde o ano 1921 ata o mes de agosto de 1936, logo do golpe de estado contra a República. Nel a empresa anuncia un servizo único desde Ourense a Verín ás 11,30 da mañá. E a saída de Verín ás 7 da mañá para enlazar cos trens Rápido e Correo en Ourense. As administracións estaban en Ourense nos baixos do Hotel Roma, ao lado da Central do Ferrocarril. En Allariz na casa de Gumersindo Rodríguez; en Xinzo no Café Ledo; e en Verín o administrador era o farmacéutico Ricardo Guerra.
O ano 1930, hai servizo de automóbiles diario desde Xinzo a Allariz ás 16,45 da tarde ao prezo de 3,50 pesetas asento. De Xinzo a Ourense e Verín con servizo da Empresa Bobillo, correo diario ás 8,00 e ás 15,30 ao prezo de 9,50 pesetas asento. O 3 de abril  a Xunta de Transportes provincial suspende do servizo de correo Ourense-Xinzo-Verín á Empresa Bobillo e outórgallo á Empresa Xesteira. Mais pouco ía durar esta empresa pois a finais de maio do ano 1931, pasa a denominarse Empresa Perille ao ser adquirida por esta firma.[7]

1935-45. Foto de J. Carlos Fernandez-Barja. Foto do libro (ver pé de páxina nº 1).

A Empresa Bobillo inda que privada do correo, segue a realizar viaxes de Ourense-Xinzo-Verín, anunciando que só tardará unha hora e media grazas a un novo automóbil que vai adquirir e que permite saír de Verín ás sete da mañá e retornar de Ourense ás 12 do mediodía[8].
En 1932 o transporte de viaxeiros estaba atendido por dúas empresas, unha levaba o correo, e había tres coches diarios á capital. En 1935, son dúas as empresas que realizan o servizo: Mangana e Perille cos seguintes horarios e prezos: de Xinzo a Allariz, servizo diario ás 7,00, 8,00 e 12,30. De Xinzo a Ourense, servizo diario ás 7, 8,12,30 e 16,30 co prezo de 6 pesetas asento. De Xinzo a Verín, servizo diario ás 8, 9, 14,30, 15,30 e 18,00, co prezo de 9,50 pesetas asento.

1938. Autobús Verín-Laza-Vilar de Barrio. Foto do libro (ver pé de páxina nº 1) .

Dous autobúses, un da Empresa Perille e outro da Empresa Mangana.  foron utilizados para transportar a Maceda e Vilar de Barrio os días 20 e 21 de xullo de 1936, partidarios do goberno republicano, en número de douscentos ou trescentos obreiros, provistos de armas e dinamita, para facer fronte ao golpe de estado dos militares.
Do ano 1937, en plena guerra civil, coñecemos a existencia doutra empresa de autobúses de Xinzo, grazas ao expediente do Arquivo Militar Intermedio da Rexión Militar do Noroeste, número 467/1937, sobre o asasinato de Celso Pereira que fora administrador da Empresa Perille e tiña unha fonda no Posío, onde comía de cando en vez Xosé Díaz, autor do disparo (fortuíto segundo o acusado), natural de Piñeira Seca e veciño de Pena (Xinzo de Limia), de profesión chofer e naquel momento Xefe da Primeira Liña da Falanxe de Xinzo, adscrito ó servizo de contraespionaxe da Xefatura de Investigación da Falanxe en Ourense dende facía uns quince días. No expediente indicase que  Xosé Díaz[9] tivera unha liña de autobús “Empresa Antelana”, que realizaba o traxecto dende Ourense a Xinzo por Celanova. As testemuñas aluden a posibles rancores antigos pola competencia das dúas empresas e outras cuestións crematísticas para xustificar os feitos. [10]

1948. Empresa Los Americanos

Despois da guerra van a ser as empresas: La Popular e a Empresa Perille as que comunicarán Xinzo con Ourense e Verín. En 1944 e 1950, os servizos de Xinzo a Allariz e Ourense eran ás 7,00, 12,30 e 16,30. De Xinzo a Verín había correo diario ás 8,00, 14,30 e 18,00 horas. O anuario non especifica prezos e empresas.

1945-1955. Empresa Auto Industrial. Foto do libro (ver pé de páxina nº 1)

No ano 1955 os servizos de viaxeiros De Xinzo a Allariz eran ás 7,00 e 16,30. De Xinzo a Lobios e Baltar había servizo diario. De Xinzo a Ourense había servizo ás 8,00, 14,30 e 18,00 horas. Cara o ano 1956 é a Empresa Auto Industrial faise cargo da liña de Ourense por Allariz, Xinzo ata Verín, que anteriormente facía a Empresa Perille. Servizo que explotaría durante uns dez anos ata a substitución pola Empresa Villalón a mediados dos anos 60 e cuxo servizo se estendía  tamén a Cualedro, Feces, Oímbra, Videferre e Chaves.

1955. Ángel Villalón. Foto baixada da internet.

Ata que as normas de tráfico o prohibiron, os autobuses de transporte de viaxeiros, tiñan na parte superior varios asentos corridos de madeira, similares aos bancos dos parques, para levar pasaxeiros. Tamén se utilizaba para cargar equipaxes e mercadorías.
Nos anos 50, 60 e 70, lembro que as feiras comezaban na primeira hora da mañá, que era cando chegaban os feirantes, polbeiras e tratantes de gado en autobúses mixtos, do Carballiño viñan as polbeiras no autobús do Rivera; os xamoneiros e tratantes de Maside e Dacón, coa Empresa Gonzalez; os tratantes e comerciantes de Ourense chegaban nos mixtos brancos da Empresa Los Americanos; de Xunqueira de Ambía viñan co Salomón; e de Allariz, sobre todo os zapateiros, co Purrela. Os autobuses mixtos, nestes anos e ata a desaparición do gado nas feiras,  transportaban aos feirantes nos asentos na parte dianteira do autobús e na posterior, nun habitáculo adaptado con acceso por unha rampa que facía de porta traseira, ían os animais.

1955-1970. Ómnibus mixto para persoas e animais

No ano 1960 as empresas que prestaban servizo a nosa vila eran: Empresa Bilbao (que unía Ourense, Xinzo, Lobios ata a fronteira portuguesa na Magdalena); Empresa Corderí (Ourense por Celanova ata Xinzo ), Empresa Mangana (Ourense, Maceda, Vilar de Barrio e Xinzo) e a Empresa Villalón con servizos desde Ourense, Allariz, Xinzo, Cualedro, Verín e Feces. Chegado o ano 1977 a Empresa Castromil, unha das máis fortes de Galicia, merca a empresa ourensán Auto Industrial.

1960-70. Autobús da empresa Mangana.

1968-72. Mural no bar da administración do Villalón en Ourense. Foto baixada da internet posiblemente de Ourense no tempo?

A venta no verán do ano 2000 da Empresa Villalón, unha firma que contaba cun significativo peso nas comarcas de Monterrei e A Limia, como tamén na contorna de Allariz. A operación prodúcese poucos meses despois de que o Grupo Ruíz con sede en Madrid adquirísea a través da súa filial Ourense de Transportes, concesionaria do servizo de transporte urbano na cidade de As Burgas. Aquela primeira operación supuxo o fin do carácter familiar do  Villalón. Agora, apenas sen tempo para que Ourense de Transporte acometese renovacións de frota, consúmase a venda ao Grupo Castromil por medio dunha das filiais desta, Auto Industrial. A Empresa Villalón, tiña 45 traballadores e un parque de 30 coches, a maioría deles con moitos anos de servizo[11]

1968-72. Empresa Villalón. Foto baixada da internet

Nos anos 90 xa só quedaban en Galicia grandes grupos como  IASA ou Monbus na competencia tras adquirir a Empresa Castromil as compañías Auto Industrial, Alborés, Aguia Sande, Avelino Garrido e Villalón. A Empresa Castromil potenciou a súa imaxe de marca con numerosas estratexias comerciais entre as que destacaban o uso de autobúses modernos (da marca Scania) ben rotulados e poñéndolles nomes de personaxes galegos ilustres como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao ou Luís Seoane entre outros, á vez que melloraban o trato cos viaxeiros repartíndolles en cada traxecto uns contos de viaxe titulados «Contos  do Castromil».
Finalmente a empresa de transportes Grupo Monbus mercou a Empresa Castromil S.A. o día 4 de decembro do ano 2002, cando a empresa tiña preto de 200 autobúses. Durante un tempo mantívose a marca  Castromil (Monbus) nas estradas galegas, ata que foi trasladada a súa sede a Lugo baixo o nome da nova empresa.
A partir destas datas desaparece a competencia no transporte de viaxeiros entre Ourense-Allariz-Xinzo e Verín, quedando os viaxeiros a mercé do monopolio do Grupo Monbus.
Paradoxalmente o servizo non é mellor que o que había antes, os usuarios quéixanse moito de incumprimento dos horarios anunciados, retrasos inxustificados, autobuses con moitos anos de servizo, cambios frecuentes de horarios e poucos servizos directos por autovía. Seguramente se houbera un servizo a Ourense con unha  boa frecuencia horaria de ida e volta por autovía, con paradas en Mariñamansa e no centro de Ourense, seríamos moitos os usuarios que deixariamos de utilizar os nosos vehículos para viaxar a capital da provincia en autobús.

[1] Dasairas Valsa, X. 2013. Economía e recursos. Comarca de Monterrei. P. 218
[2] Wikipedia.
[3] Fialho de Almeida. Galiza, 1905.
[4] Posiblemente este reloxeiro de apelido Mangana, sexa un dos irmáns que constitúen tempo despois a Empresa Mangana.
[5] Dasairas Valsa, X. 2013. Economía e recursos. Comarca de Monterrei.P. 232, 233, 234.
[6] Ibidem. P. 243,245.
[7] Ibidem. P. 252.
[8] Ibidem. P. 253.
[9] AMIRMN. Causa militar nº 467/1937.
[10] Ibidem. P. 267.
[11] La Voz de Galicia. 02.08.2000.

Fonte: historiadexinzo.wordpress.com

VER NOTICIA COMPLETA